O comezo

O estaleiro da Banda do Río foi fundado no ano 1920 por José Del Río Casal. Este carpinteiro traballaba nun taller situado na praia de Loureiro; posiblemente fora o taller de Benito Martínez  Avilleira, quen nese tempo tiña o seu obradoiro nesa mesma zona. Ao casarse, José Del Río Casal decidiu independizarse, solicitando unha concesión administrativa para ocupación de espazo público coa finalidade de crear un estaleiro, na zona da Banda do Río.
 
Este obradoiro nos inicios só comprendía a parte máis próxima á rúa Montero Ríos. A elección desta ubicación para o obradoiro non é casual, pois nesta zona dábanse as condicións idóneas; boas comunicacións, por estar no medio do pobo; unha praia abrigada que permitía facer as botaduras con tranquilidade, e por último a proximidade dun río. Trátase do río Bispo que nesa época, aínda sen canalizar, discorría a carón do taller, e no seu leito enterrábase a madeira como un tratamento de curación. Esta madeira, xeralmente de carballo, estaba destinada á construción de elementos estruturais, como a quilla, a roda e o codaste principalmente.
 

 

O estaleiro

Este taller dedicaba a súa produción a embarcacións de pequeno porte; gamelas, chalanas, lanchas xeiteiras, botes polbeiros, e incluso, se chegaron a construír unha ducia de traiñeiras. A parte de José Del Río traballaba tamén un veciño de Cela, o Sr. Marcelino.

Este parte máis antiga estaba formada por unha estrutura constituída por un tellado de dúas augas asentado sobre columnas de pedra. Nela albérgase un pequeno faiado no cal se atopa a “tronzadora”, que é a maquina de afiado da serra de cinta; baixo este tellado está colocada a serra de cinta, e a máquina de “regruesar” as táboas. Estas dúas ferramentas constitúen a innovación tecnolóxica máis destacada deste oficio e están presentes en todos os talleres que aínda en activo.

Noutra parte do taller, sitúase unha pequena oficina que facía as funcións de almacén, para gardar as ferramentas. Este elemento foi engadido posteriormente nunha ampliación levada a cabo por outro propietario.

O estaleiro de Banda do Río, na súa pasada configuración formal, respondía á sinxeleza construtiva da arquitectura popular mariñeira. Partindo dun espazo nuclear básico, de construción máis antiga e coidada, na que se empregaba a pedra e a madeira como materiais de construción principais, fóronse engadindo anexos tallados en madeira. Pretendeuse contratar un servizo para propoñer e definir ideas, a nivel de anteproxecto, para as actuacións de conservación, posta en valor e rehabilitación para o seu uso cultural do Estaleiro de Banda do Río.

1938

No ano 1938 o estaleiro foi mercado por Rosa Cortizo Cerviño, para o seu fillo, José Gónzalez Cortizo, ao finar o anterior carpinteiro.

Con este cambio de propietario o taller incrementou a súa actividade pasando a construírse nel embarcacións de maiores dimensións, a razón de dúas por ano, sen contar as embarcacións de pequeno porte que seguían a construírse como complemento da actividade.

Este aumento da produción viuse reflectido no número de traballadores, oito empregados nas épocas de maior actividade. 

Cabe destacar a dous destes operarios, os irmáns “Lamosa”, que eran os encargados de botar a madeira no monte e preparar as táboas, empregando para este fin a “serra portuguesa”. Esta elección e preparación da madeira no monte remóntase aos mesmos inicios da carpintaría de ribeira, e resulta curioso comprobar como se mantivo ata hai pouco tempo.

Coa implantación do motor como método de propulsión principal, as embarcacións aumentaron as súas dimensións, o que fixo necesario a ampliación das instalacións. Ditas ampliacións realizáronse en varias fases, o que lle conferiu o aspecto tan peculiar que presenta na actualidade. Estas obras realizáronse ao redor do ano 1975, primeiro cara á serra de Freire,  e mais tarde, cara ao mar.

1988

No ano 1988 constrúese un muro de abrigo para protexer as casas das marusías, unha obra que provocou a destrución das vías de varada do estaleiro. Esta estrutura estaba composta por tres raís paralelos, dous laterais a mesma altura e o central máis baixo, a modo de “v”. Os ditos raís apoiábanse nuns pilotes de madeira enterrados na area da praia, e as vías tiñan unha lonxitude aproximada de 30 metros.

A perda desta infraestrutura provocou que entre os anos 1986 e 1988 se construísen dous barcos a carón do porto pesqueiro, nun alboio levantado para esta obra. O primeiro deles foi o “Galaico” que, cunha eslora de 21.70 metros, é un dos de maiores dimensións construídos por Manuel Gónzalez Ferradás. Aproveitando a infraestrutura construíu despois para si un barco da batea “Purro”.

Outra embarcación salientable polas súas dimensións foi o “Sibaniño”, botado no ano 1973, que tiña 19 metros de quilla. Precisamente o seu tamaño provocou diversas curiosidades, como que durante a súa construción se ocupou parcialmente a rúa. O carpinteiro comenta a modo de anécdota que a proa estaba tan preto das casas de enfronte que cun pequeno salto podíase pasar do balcón ao barco. Na botadura as vías de varada cederan polo peso, provocando que a embarcación quedara detida no medio do seu percorrido sen chegar ó mar, prolongando a botadura ata a seguinte preamar despois de solucionar o contratempo.

O outro espazo da carpintaría é aquel descuberto orientado cara ó actual paseo da praia, destinado á almacenaxe e secado da madeira, xeralmente formando tesoiras verticais.
A implantación das bateas nas rías baixas abriu un novo mercado para os carpinteiros de ribeira, e supuxo unha carga de traballo importante durante estes últimos anos.
 
O estaleiro de Purro está intimamente ligado á historia marítima recente do Concello de Bueu: foi a derradeira carpintaría de ribeira en activo, nela traballaron e se formaron moitos profesionais e veciños nosos; nela construíronse infinidade de embarcacións, moitas delas en activo na actualidade. O seu peculiar aspecto converteuse en parte da paisaxe urbana de Bueu, actuando como referente do noso concello unha vez destruídos aqueles outros bens urbanísticos susceptibles de ocupar tal lugar (fachada da fábrica de Alonso, …), de xeito que nalgunhas páxinas web publicadas en Internet, aparece como un símbolo tanto do pobo como da carpintaría de ribeira. Son tamén varias as publicacións de diversos autores que fan mención a este taller.
 
A súa imaxe é un vinculo de unión entre o pobo de Bueu e o seu pasado, sempre vencellado aos barcos e ao mar.
 

conselleria mar

UE

GAC

LogoConcelloCor