A clasificación das embarcacións pódese facer atendendo a diferentes criterios (tamaño, arte de pesca utilizada, características estruturais, ...). Aquí imos centrarnos en pequenas embarcacións dedicadas á pesca costeira e de baixura, que son as máis comúns na vila de Bueu.
Existe unha gran variedade de embarcacións con adaptacións axeitadas a cada ría, en función da arte de pesca empregada pero mantendo unhas características comúns. Destacamos as seguintes:
Bote: é o nome dunha embarcación de ata 8 m. de eslora que se caracteriza por ter quilla e fondo redondo, de proa e popa simétricas ou con popa cadrada. Emprégase para andar con nasas, palangre, redes pequenas e liñas, traballando próximos á costa ou como auxiliar.
O bote polbeiro de Bueu: embarcación tradicional das Rías Baixas, característica da nosa vila.
Como o seu nome indica, os botes polbeiros adicábanse case en exclusiva á pesca do polbo, empregando como arte de pesca a raña. Destaca pola súa solidez e amplitude: a eslora chega a ser o dobre da manga.
A medida máis habitual era a de 4,5 m. de eslora, aínda que tamén podía chegar até os 7,5 m.Os remos son grandes e traballan cruzados, é dicir, o remo de babor trabállase coa man esquerda e o de estribor coa man dereita. Os remos cruzados dan máis panca, tendo en conta que é un bote moi pesado.
Gamelas: O tamaño é variable, dende os 3 até os 7 m. de eslora e de 1 a 2 m. de manga. Son de fondo plano e popa cadrada, en espello, cunha estampa máis ou menos caída e lixeiramente máis alta que os costados.
As máis típicas son as de fondo plano e popa cadrada,a chan e costados de 2 táboas en calime. Estas son tamén chamadas chalanas.
As máis coñecidas nas Rías Baixas son as gamela da Guarda e as de Coruxo.
O choupán tamén é unha gamela pero ten, en vez de popa en espello, dúas proas.
As dornas: de influenza nórdica, xunto coas gamelas constitúen o grupo de embarcacións tradicionais máis coñecidas e que aínda están dedicadas á pesca hoxe en día.
As medidas das dornas son variables e van dende os 4,7 m das máis pequenas (dornas polbeiras) ata os 8m. da dorna nai.
A súa construción en calime ou “tingladillo” e posteriormente de tope, a forma do remo e da vela, a quilla profunda e o amplo temón danlle unhas calidades excelentes para a navegación a vela.
A traíña: Embarcación de orixe cantábrica que se destina á pesca da sardiña coa arte da xareta e do cerco. É longa, lixeira, ten unha sección en U cun ancho uniforme de popa a proa e o codastre curvado cara atrás.
O máis común era que navegasen a remo, polo que levaban de 8 a 10 remos por banda. Poden medir de 9 a 12 m. de eslora e de 1,80 a 2,40 de manga, con máis puntal na proa que na popa. Carecían de corredores e levaban bancos para vogar.
A Asociación Os Galos fixo unha réplica desta embarcación no ano 2003. As que hoxe se fabrican, aínda que máis estilizadas, destínanse para a práctica deportiva do remo. Este uso ten a súa orixe nas carreiras entre as tripulacións das diferentes traíñas para chegar antes ao porto e acadar o mellor prezo na pesca.
No ano 1999 nace a Asociación de Embarcacións Tradicionais Os Galos despois de asistir un grupo de amigos a un encontro de embarcacións tradicionais en Rianxo, onde se animaron a tomar a iniciativa para promover, divulgar, difundir e poñer en valor o patrimonio marítimo.
Previamente a asociación cultural “As Lagoas” realizou a recuperación do bote polbeiro de Bueu no estaleiro de Purro, e no ano 2000 esta embarcación foi cedida á Asociación Os Galos. Con este primeiro barco inician a súa singradura.
No ano 2016 contan coas seguintes embarcacións:
- Os botes polbeiros Lagoas e Rebello
- O bote xeiteiro Os Galos
- A traíña Pescadoira
- As dornas Banda do Río, Robaleira, Can do Penedo e Roiba.
- O choupán ou gamela de dúas proas Faino ti
Ademais tamén está en posesión das gamelas Patera e Auxiliar dos Galos, o bote auxiliar do polbeiro José e a gamela coruxeira “Marujiña”.
A maior parte destas embarcacións están situadas no peirao en fronte do Museo Massó.
Cada ano organizan un encontro de embarcacións tradicionais, aló polo mes de agosto, no que acollen a distintas embarcacións tradicionais a vela e a remo, ademais de organizar xornadas de navegación, charlas, exposicións,… entre outras actividades.
+info: galosbueu@yahoo.es