Os carpinteiros de ribeira constitúen unha parte esencial da cultura mariñeira, das súas mans nacen as embarcacións que permiten aos mariñeiros extraer os recursos do mar. A súa actividade orixínase na necesidade dos mariñeiros de posuír unha ferramenta que lles permita acceder aos distintos caladoiros para poder operar coas diferentes artes pesqueiras. É precisamente esta adaptación ao entorno no que se vai desenvolver, xunto coa actividade a que se vai adicar a que determina as formas e a evolución das diferentes tipoloxías de embarcacións.
Estes artesáns pódense considerar como auténticos enxeñeiros, pois apoiándose no saber popular transmitido oralmente de xeración en xeración, son capaces de realizar un produto tan complexo como é unha embarcación, no que entran en xogo un número moi amplo de factores, e só o equilibrio entre eles garante un bo resultado. O capital humano da carpintaría de ribeira procedía normalmente da aprendizaxe directa da profesión, mediante a iniciación –aínda xuvenil- nos obradoiros de traballo xa establecidos, resultando bastante común a transmisión familiar do oficio. Tamén era usual que mariñeiros autodidactas practicasen o oficio.
En Galicia, nas súas orixes, os carpinteiros de ribeira maioritariamente non contaban con instalacións fixas, desprazándose de praia en praia, ata o lugar onde tiveran o encargo dun armador, pero sempre buscando zonas abrigadas e calas nas que o mar non prexudicase a súa actividade. Segundo a dimensión da obra podían realizar un pequeno alboio cos sobrantes da madeira polo tempo que duraba a construción. Non ocorría o mesmo naqueles núcleos relevantes de poboación mariñeira, nos que a demanda favorecía o fixamento da actividade (Ferrol, Vigo, .....).
A partir dos anos corenta resultou relativamente doada a obtención de concesións administrativas para a instalación de estaleiros, facilitándose a creación de infraestruturas fixas e estables, mellorándose as condicións laborais da profesión, pois o traballo xa non dependía das inclemencias meteorolóxicas.
A carpintaría de ribeira, ao igual que outros moitos oficios que rodean a pesca de baixura, era unha tarefa humilde na que só en casos excepcionais conseguiron dar o paso de obradoiros a converterse en verdadeiras factorías industriais. Por isto os talleres son edificios sinxelos, normalmente construídos sobre unha base de pedra rematando o resto da estrutura con madeira que en moitos casos eran sobrantes da propia actividade do taller.
Na actualidade, estase a realizar un gran esforzo de recuperación e conservación do noso patrimonio cultural marítimo, tanto por parte da administración como por asociacións culturais, resultando a carpintaría de ribeira unha parte importante desa cultura, por iso temos que poñer os medios para preservar todos os elementos relacionados con este oficio.